Que é para vós a artesanía?

Hoxe en día, esta é unha pregunta que parece simple, pero esconde moitos conceptos, moitos matices.

Para min, a artesanía é a miña forma de expresión, de plasmar os meus sentimentos e emocións en todo o que crean as miñas mans, porque aí está o secreto, en ser capaz de transmitir amor coas mans.

Son produtos feitos completamente a man, con mimo e delicadeza. Obxectos que sempre gardan un anaquiño da persoa que os creou. Sen mecanizados nin procesos industriais polo medio.

A definición de artesanía dinos:

1.1. Arte e técnica de fabricar ou elaborar obxectos ou produtos a man, con aparellos sinxelos e de maneira tradicional.

2.2. Obxecto ou produto que se fabrica ou elabora segundo esta arte ou técnica.

Nos procesos artesanais os produtos son elaborados un por un de principio a fin. As súas cantidades son pequenas e limitadas. Nunca son exactamente iguais. Poden estar elaborados por unha ou varias persoas e non son capaces de abarcar un territorio moi extenso. É unha produción laboriosa, utiliza maior tempo e esforzo.

Os procesos industriais dan lugar á fabricación de produtos en serie, todos son iguais, de iguais características. Non requiren de moito traballo manual, pero moitas veces si de habilidade e creatividade. É unha produción menos laboriosa e moito máis rápida. Empréganse máquinas adecuadas e complexas.

Partindo destes tres datos podemos resumir:

1. A artesanía é a elaboración de obxectos e os propios obxectos feitos a man.

2. Os procesos artesanais son lentos, limitados, laboriosos e executados manualmente.

3. Os procesos industriais utilizan máquinas complexas que elaboran unha parte importante do proceso de fabricación e logras produto en serie.

E aquí é onde está a trampa ou o engano: Se eu deseño e creo unha peza completamente a man e logo busco unha máquina que a “copie” Esas copias son pezas artesanais? Non señores, non o son; por moito que o queiran maquillar. A peza orixinal é artesanal, a demais son industria. Aquí entran en xogo máquinas como os tornos copiadores ou parte da técnica de microfusión en xoiería. Porque en xoiería, unha cousa é tallar unha peza de cera a man, recubrila, fundila ata conseguir o negativo e enchelo de metal fundido (técnica da cera perdida) e outra cousa é: encher un molde de cera, fundir dita cera e inxectar metal fundido. Non sei se me explico!

Despois están tamén os deseñadores gráficos que traballan con corte láser, impresoras 3D,… para vós é artesanía un colgante cortado a láser? só sóltase de forma manual o material sobrante e ponse algunha argola para poder unir as pezas. Dun único arquivo de computador pódense facer miles e millóns de pezas iguais. Dá moito que pensar o asunto.

E preguntaredesvos: pero ti, como artesá realizas todas as túas xoias só coas mans?

A resposta é NON, utilizo ferramentas manuais e máquinas que facilitan o traballo, pero sempre son as miñas mans as que guían o resultado final.

As seguetas, os buriles, os distintos alicates, as limas, lixas… son ferramentas manuais que a man guía en todo momento conseguindo plasmar na xoia a alma do ourive.

Tamén utilizo ferramentas ou maquinaria eléctrica que me facilitan o traballo. O micromotor (ou trade de mesa) permíteme facer buracos no metal sen usar un berbiquí ou un cravo. Ou acelerar o proceso de limado ou lixado, pero sempre é a man a que guía a máquina.
O mesmo sucede co estirado do fío e o ferro, a laminadora é eléctrica, dispón dun motor que exerce a forza suficientes para mover os rodetes, pero é a man a que regula o calibre e manipula o metal.

Podo contarvos o mesmo de cada unha das ferramentas eléctricas do taller, pero sería bastante tostón…

As miñas coleccións son todas feitas a man, xoias artesanais, auténtica xoiería de autor.
E xurdiravos outra dúbida:

Se é unha colección as xoias non son iguais?

Pois non, de feito fago moita énfase nas descricións dos produtos, non hai dous iguais.

Se nos centramos na Colección Filigranas, a máis destacada do meu traballo, o deseño de cada peza é único, non realizo dúas pezas iguais. Estarás a comprar unha xoia de autor única que representará a unha persoa única, única como ti.

Se imos á colección Os nosos Bosques, si que se realizan máis cantidades de cada peza, pero cada unha delas é feita a man e aínda que os procesos son os mesmo: o patrón para marcar a folla, a forma de engurrala ou de pulila… os resultados non son iguais, cada folla é única, e aínda que a primeira ollada pareza a mesma pulseira non o será nunca, esa é a esencia do meu traballo.

Nesta imaxe móstrovos que polo feito de traballar unha colección e ser “a mesma peza”, as xoias que a compoñen non teñen que ser todas iguais, non é necesario crear moldes e mecanizar para conseguir unha colección.

“As coleccións poden deseñarse sendo pezas únicas e artesanais. Así se deseñan en Carla Alfaia, onde cada peza garda un pouquiño de min, un pouquiño da miña alma , un pouquiño de amor.”

Poderíades pensar que desta forma os artesáns estamos moi limitados en canto a produción, en que parece que temos sempre pouco produto elaborado, que competir co industrial é moito máis complicado cando decidimos non industrializar ningún do noso procesos, que os seus tempo son moito máis lentos e menos beneficiosos. E todo iso quizais sexa verdade pero… non só compras un obxecto, apoias o proxecto dun artesán cheo de ilusión, levas unha peza realizada con mimo e cargada de moito amor, elaborada preto de ti, onde os impostos son declarados no teu territorio… Adquires algo único e apoias ao pequeno comercio local.

“O día que teña que mecanizar o meu traballo, botarei o peche ao meu pequeno tobradoiro artesán, esta aventura morrerá.”

As impresoras 3D, os equipos de microfusión, o corte laser… e moitas máquinas máis fan posible crear, de forma sinxela, case todo o que queiramos. Pero, para o meu, a esencia, a alma das pezas, deixa de existir.

“Eu produzo o que as miñas mans, o meu corazón e a miña creatividade permítenme producir.”

Non necesito maquinaria que me permita exportar e impídame o contacto directo convosco. O que máis gozo do meu traballo é o contacto coas persoas, o crear algo único para elas, o coñecelas, o acompañalas en certa maneira nun día especial.

Encántame plasmar os vosos sentimentos nunha peza. Ás veces é o amor cara a outra persoa “as pedidas de man encántanme”. Outras veces é buscar a forma de plasmar o amor polo ser querido que xa non está. En ocasións, e non menos importante, o amor cara a un mesmo…

“O importante é que cada peza estea deseñada e realizada con amor, para que a súa esencia nunca morra.”

E ti Atrévesche a que deseñemos xuntos esa peza especial? Falamos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Información sobre protección de datos
Responsable: Carla Canedo Martínez, 53301898L | Fin del tratamiento: Relaciones comerciales | Legitimación: Tu consentimiento | Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal. | Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido, retirada de consentimiento, reclamación ante autoridad de control. | Contacto: joyas@carlaalfaia.coms | Información adicional: Más información en mi POLÍTICA DE PRIVACIDAD