• Todas as pezas
  • Filigrana
  • Aneis
  • Pendentes
  • Sapos
  • Pulseiras

. Sente Filigrana .

" A filigrana define a miña traxectoria como xoieira artesá e o meu carácter como persoa. "

Nesta colección atoparás toda a esencia do meu traballo. Son xoias de autor elaboradas a man nas que poño moito amor e sentimento.

Cada bola de prata formada unha a unha baixo a calor do lume, cada fío é torcido amodiño para que non se parta, cada acibeche labrado e pulido manualmente, cada esfera formada martelo en man; son pezas elaboradas individualmente e combinadas entre si para formar unha única xoia.
Así, centos de elementos colocados minuciosamente únense en harmonía para formar unha única peza, onde o equilibrio e a proporción son fundamentais para conseguir harmonía. Os pendentes, pulseiras, colgantes, aneis… que forman esta colección son xoias puramente artesanais.
Pequenas obras de arte.

A prata de lei déixase levar entre as miñas mans, amodo, con calor. Xogando cos fíos, coas espirais, coas boliñas, coa asimetría asimétrica que esconde a maxia do feito a man.

Por iso os meus sentimentos reflíctense no traballo elaborado. Ás veces creando espirais máis lixeiras, máis aireadas, facendo máis traballo de segueta. Deixando pasar a luz entre os fíos. Outras veces comprimindo as curvas de prata, apertándoa nunha coidada harmonía.
Son pezas dotadas de alma, xoias en filigrana de prata 925 que reflicten as luz de quen a porta. Gardando sentimentos meus ao creala e teus ao namorar dela.

Son o agasallo perfecto, únicas, especiais e feitas con moito mimo. Xoias contemporáneas con carácter tradicional. Embelesarán a todo aquel que as reciba.

" A técnica da filigrana atrápame, obsesióname, reláxame. Son tantos elementos os que a compoñen, as posibilidades de creación son inmensas…"

Ao comprar “ Filigrana” adquires a esencia da xoiería tradicional galega. Levas un anaquiño de tradición, de cultura convertida en xoia contemporánea.