O lume, o lume é o nacemento e a morte dunha xoia, é o principio e tamén o final.

No taller todo empeza ou termina coa fundición da prata.

É un proceso hipnótico, lento, pero á vez fugaz. A prata, fría no crisol esperando a cálida caricia do lume para poder transformarse en algo máxico.

Aos poucos todo comeza a ter luz, a ter vida. O lume fai o seu traballo a altas temperaturas e a prata comeza a sentirse arroupada, a coller calor, a poñerse incandescente, a brillar nun vermello alaranxado que por intuición sabemos que non debemos tocar. A cor da paixón, a calor do inferno.

Aos poucos aprécianse pequenas pingas de prata líquida que buscan enerxicamente a unión pasional co resto do metal. Así, lentamente e mergullada na beleza deste proceso, a prata convértese en líquido: denso, viscoso, fluído, brillante e sobre todo inquieto.

A prata, baixo a calor do lume, comeza a virar sobre si mesma, deixando apreciar a súa textura, mesmo a súa calor.

A que temperatura está a prata en estado líquido? A un mínimo de 962 º C A que resulta inimaxinable tan alta temperatura?

Sempre que fundo, gozo do estado líquido da prata. Son sós uns segundos, un intre no que me sinto poderosa, segundos nos que teño o centro da Terra entre as miñas mans. Si, sempre que fundo, imaxíno o centro da terra así, cálido, brillante e virando sobre se mesmo.

É un proceso máxico.

proceso de recocido en orfebrería. técnica de joyería en la que se lleva al rojo vivo la plata. hilo de plata incandescente bajo la llama del soplete

Pero todo ten un final, e non menos espectacular. Toca baleirar, envorcar coidadosamente a prata na lingotera. Vela caer: fluída, densa, cálida, incandescente é impresionante. Oíla liberar o aire ao arrefriarse contra o frío ferro que a contén sempre me provoca un calafrío que me percorre a columna. É un proceso minucioso, se o metal salta en contanto coa lingotera ou é mal baleirada… as consecuencias poden ser duras. Pero esa tensión fai que goce máis deste máxico proceso.

E o son do crisol ao perder calor lentamente? Bufff, ese queixume, ese chisporroteo, ese cli, cli, cli… é música para os meus oídos.

A fundición da prata xunto co brillo do acibeche, é a máis máxico da ourivaría, é auténtica alquimia no meu taller.

O lume é o nacemento e a morte dunha xoia, é o principio e tamén o final.

No meu taller sempre se funden pequenas cantidades de prata. Gústame traballar con calma, crear con mimo cada peza, gozar das miñas mans ao crear pequenas xoias que vos farán brillar e levarán con elas un pouquiño de min.

Toca proseguir e transformar un pouco máis eses pequenos lingotes. Hai que estirar, laminar, poñer a lume vivo e seguir estirando e laminando. Sen présa pero sen pausa.

A laminadora, composta por dous rodetes mecánicos, axúdame neste arduo traballo. Estirando aos poucos os lingotes. Este cambio físico na prata, este estiramento, ten as súas consecuencias. Ténsase, endurécese, e se se forza en exceso podo partir, rachar.

E toca volver á maxia do lume, o recocido, hai que poñer a prata “a lume vivo”.

Nesta ocasión axúdome de madeira nobre carbonizado, a calor do carballo queimado axuda a conservar a calor para que a prata se quente uniformemente.

lámina e hilo de plata recocida. diferentes lingotes estirados con diferentes formas y tamaños.

Envorcar coidadosamente a prata na lingotera. Vela caer: fluída, densa, cálida, incandescente é impresionante.

Pero Que é o que sucede? É un proceso físico. Ao transformar a prata, ao estirala, as partículas de prata se desordenan provocando rixidez e fraxilidade. O lume, a calor. Reordena esas partículas para volvela dúctil, maleable, flexible.

“A prata convértese en líquido: denso, viscoso, fluído, brillante e sobre todo inquieto.”

Alquimia, pura alquimia. Transformar o metal nunha xoia é un proceso lento, coidadoso, delicado. Ver o lume abrandar e darlle maleabilidad ao metal é un espectáculo. A simple calor da chama consegue que a prata se deslice lentamente, que se relaxe, que se prepare para continuar coa transformación. O recocido é delicado, é un punto no que o metal se ten que relaxar pero sen renderse ao lume. Levar a lume vivo pero sen fundir.

Transformar o metal nunha xoia é un proceso lento, coidadoso, delicado.

Toca deseñar, crear, darlle forma, atopar o equilibrio, buscar o sentido e deixarse levar, amar a prata, consentir e sentir… para pasar finalmente ao pulido.

Toca deixar voar a imaxinación e xogar.

A maxia do pulido, a diferenza da fundición e o recocido, está no resultado e non no proceso. O proceso é sucio, ruidoso e incómodo. Pero de súpeto, a xoia que tiña en mente comeza a tomar vida, a despuntar brillos, amosar detalles. Por fin , despois dun longo camiño logra florecer a beleza que se escondía no seu interior.

O mesmo sucede co acibeche, baixo as mopas de pulido brota a vida que algún día habitou nel. A madeira fosilizada que o forma osixénase, sesenta millóns de anos despois recupera o seu esplendor.

O pulido outórgalle un característico brillo, é un fósil cálido, negro, brillante. Simplemente máxico.

Pero do acibeche falareivos noutro momento.

Gustaríache gozar da maxia destes procesos?

manos manchadas por el pulido de joyas en la orfebrería con trozos de azabache asturiano en bruto

“A ourivaría é un oficio onde a transformación que sofre a materia prima é cativadora, atrápate como unha tea de araña e faite gozar a cada paso, con cada proceso, co resultado. "

Coñecías estes procesos? Atreveríaste a probar? a tentar dominar o lume para que o metal se renda diante túa? Queres ver o resultado final destes procesos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Información sobre protección de datos
Responsable: Carla Canedo Martínez, 53301898L | Fin del tratamiento: Relaciones comerciales | Legitimación: Tu consentimiento | Comunicación de los datos: No se comunicarán los datos a terceros salvo por obligación legal. | Derechos: Acceso, rectificación, portabilidad, olvido, retirada de consentimiento, reclamación ante autoridad de control. | Contacto: joyas@carlaalfaia.coms | Información adicional: Más información en mi POLÍTICA DE PRIVACIDAD